Xira de presentación de 'Casa O'Rei'

O vindeiro 2 de marzo estreamos no Auditorio Municipal de Vigo 'Casa O'Rei'. A montaxe permanecerá na cidade olívica un día máis antes de visitar outras dez localidades na súa xira de presentación que remata o 26 de maio no Auditorio Municipal de Vilagarcía. Namentres tamén se poderá ver no Milladoiro, Ourense, Carballo, Santiago, Oleiros, Cangas, Pontevedra, Arteixo e Noia.
'Casa O'Rei' é un xogo escénico a partir de 'O Rei Lear' de Shakespeare co que pechamos a nosa Triloxía Gastronómica, da que forman parte tamén os espectáculos 'O Furancho' e 'Raclette'. A acción trasládase a unha típica casa de comidas galega, unha casa que acabará por derrubarse e con ela caerá tamén un xeito de entender a gastronomía e a sociedade no que a familia é fundamental.
Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre -quen tamén se encarga como vén sendo habitual do deseño de vestiario-, Teté García, Victor Mosqueira e Xosé Manuel Esperante dan vida aos personaxes baixo a dirección de Santiago Cortegoso. Completan o equipo Laura Campos na axudantía de dirección, Pablo Giráldez 'Pastor' no deseño de escenografía, Caxade na banda sonora, Salvador del Río no deseño de iluminación e Diego Seixo na imaxe.