Novo proxecto: Smoke on the water

Novo proxecto: Smoke on the water

Esta mañá presentamos dentro da sección pitching do Galicia Escena Pro a que será a nosa próxima produción: 'Smoke on the water', un espectáculo para público adulto con música en directo que mestura o humor negro coa crítica social. A obra prodúcese en Residencia Artística no Teatro Principal do Concello da Estrada e estrearase o 11 e o 12 de febreiro de 2022 no Pazo da Cultura de Narón.

O texto de Santiago Cortegoso, que recibiu o Premio MOME Varela Buxán 2013 e será editado (xunto con 'O mel non caduca') por Positivas, amósanos as viciadas relacións entre personaxes cun mundo interior complexo. Josito Porto (Ritchie), Belén Constenla (Janis), Adrián Ríos (Alex) e María Costas (Amparo e Joan Báez) dan vida a este grupo de seres humanos degradados, frustrados, fracasados e perdedores que provocan tenrura e compaixón. Xunto a eles estará en escena o músico Mon Orencio (que asina tamén o espazo sonoro). Completan o equipo artístico Carmela Bueno (axudantía de dirección e movemento escénico), Pablo Giráldez 'O Pastor' (espazo escénico), Salvador del Río (deseño de iluminación), Baia Fernández (caracterízación) e Marían Bañobre no deseño de vestiario e Santiago Cortegoso na dirección.

Na sección de espectáculos en cartel da nosa web tes información dispoñible que iremos completando con imaxes, vídeos e outro material segundo vaia avanzando a produción. Ir a páxina de 'Smoke on the water'