Obradoiro de Creación Escénica na Mostra de Teatro Cómico de Cangas
Do 2 ao 6 de xullo | Mércores, 30 Mai 2018 13:41

Dentro do programa da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas Marián Bañobre e Santiago Cortegoso imparten un Obradoiro de Creación Escénica. Terá lugar do luns 2 ao venres 6 de xullo en horario de 10 a 14 horas nas Naves de Ojea.
Nel amosarase e reproducirase a pequena escala o método de creación que ambos profesionais foron desenvolvendo a partir das súas experiencias, para investigar e descubrir as posibilidades expresivas dos actores e das actrices cando non parten de textos previos. Mediante o xogo e as improvisacións individuais e colectivas traballarase na creación dunha obra propia, non tanto para acadar un resultado óptimo, senón co obxectivo de experimentar o goce e a vertixe de xerar contido escénico a partir do material emotivo e imaxinativo que cada un pode aportar.