Santiago Cortegoso imparte un curso de escrita teatral no Festival USCénica

- O obradoiro será na Sala Roberto Vidal Bolaño de Compostela os días 25 de xuño e 2 e 9 de xullo en horario de 10 a 14 horas
- A matrícula é por orde de inscrición e está aberta até o venres 18 de xuño ás 13:30 horas
No obradoiro 'O vicio de estruturar o caos' Santiago Cortegoso proponnos explorar a escrita teatral a través do xogo. Xogar a que somos creadores sen límites: nin de orzamento, nin de tempo, nin de conciencia. Temos moitos folios en branco, todo un mundo do que falar e unha percepción da vida que nos individualiza. Trátase de explorar a nosa creatividade a través de como observamos o mundo, de como a través da nosa sensibilidade construímos unha visión particular do mundo porque precisamos ordenar o caos que nos rodea.
A oferta formativa do festival complétase cun curso de Dirección e Creación Escénica impartido por Tito Asorey, un curso de Iluminación impartido por Danial Pais e un Obradoiro de Performance e Creación Contemporánea impartido por Helena Salgueiro. Na páxina web do festival tedes toda a información de contidos, datas e prezos dos cursos, así como a programación e outras actividades complementarias. Podedes velo AQUÍ