Skip to main content

Estreamos Bio Construción, unha comedia de teatro absurdo

20 febreiro 2026
20 febreiro 2026

Ibuprofeno Teatro estrea en Ames a súa nova produción 'Bio Construción', un texto de Santiago Cortegoso para dous actores e unha violonchelista no que a compañía segue explorando o teatro absurdo. As funcións serán o venres 27 e o sábado 28 de febreiro ás 20:30 hora na Casa da Cultura do Milladoiro. O domingo 22 de febreiro terá lugar a pre-estrea do espectáculo no Concello de Catoira, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal.

Despois da posta en escena de 'Reconversión', unha montaxe de gran formato sobre loita sindical naval na Ría de Vigo, que vén de acadar tres candidaturas aos Premios Max nas categoría de Mellor Espectáculo, Mellor Autor e Mellor Elenco, Ibuprofeno Teatro explora en 'Bio Construción' o absurdo a través dunha proposta cunha forte carga plástica na que volven a mesturar a realidade e a ensoñación, a acción e a poesía. Marián Bañobre e Santiago Cortegoso dirixen e interpretan esta peza que emprega a metáfora para falar da existencia na sociedade capitalista contemporánea. Acompáñaos en escena a violonchelista Macarena Montesinos, autora do espazo sonoro da montaxe.

A obra, a través dun humor absurdo, preséntanos dous personaxes inocentes e loitadores, un pouco heroes e un pouco fracasados que viven nun fráxil equilibrio entre a procura da felicidade e a frustración. Esta parella decide deixar o teatro, traballo ao que se dedicaran ata agora, para marchar a un lugar remoto e emprender o seu proxecto máis ambicioso: contruír unha casa coas súas propias mans. E así transcorren trinta anos. 

 

Completan o equipo Marcos PTT na asistencia de dirección, Gloria Punzano como auxiliar de dirección, a través dun convenio asinado coa ESAD de Galicia, Jose Perozo no deseño e realización do espazo escénico, Laura Vidales no deseño de vestiario, Carlos Álvarez-Ossorio no deseño de iluminación, Armando Martén no movemento escénico e Baia Fernández na caracterización.

 

A montaxe conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través das Axudas á Creación da Axencia Galega das Industrias Culturais e co apoio do Concello de Ames e do Concello de Catoira que acollen á compañía a través de residencias técnicas. Despois a peza poderá verse en Cangas, Soutomaior, Vigo ou Lugo.

Un espazo escénico e sonoro en continua transformación

Na obra a transformación do espazo, do escultor e escenógrafo Jose Perozo, é clave. A través del viaxamos dende un espazo baleiro ata outro recargado, froito da acción dos personaxes ao longo do tempo. A música, de Macarena Montesinos, apoia tamén esta idea como un elemento vivo que se transforma en cada escena. O espazo sonoro non é unha narrativa pechada, pola contra pretende abrir un diálogo co público a través de distintas capas, repeticións e silencios que conviden á reflexión. 

En 'Bio Construción', Ibuprofeno Teatro, explora a plasticidade a través dun traballo de creación próximo á artesanía na elaboración do espazo escénico e do vestiario, para o que Jose Perozo e Laura Vidales xogan coa hibridación de materiais e texturas. En canto ao traballo actoral a proposta aproxímase ao clown e á relación cos obxectos, a través da mirada de Marcos PTT, asistente de dirección. A caracterización de Baia Fernández, o traballo corporal de Armando Martén e o deseño de Iluminacion de Carlos Álvarez-Ossorio apoian a idea de paso do tempo que atravesa toda a proposta.

FaLang translation system by Faboba
Cookies: preferencias do usuario
Utilizamos cookies para almacenar e acceder a información no seu dispositivo. A continuación mostrámoslle un panel de configuración no que pode activar ou desactivar o uso de cookies. Facendo clic en cada unha das finalidades atopará información sobre a súa finalidade e funcionamento. Pode xestionar o seu consentimento desde os botóns de Aceptar/Rexeitar ou aceptalas desde o botón ACEPTAR TODAS. Poderá cambiar as súas preferencias en calquera momento, volvendo a esta web. Tamén pode atopar información sobre configuración, orixe e finalidades en: WWW.IBUPROFENOTEATRO.COM
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Esencial
Cookies CK
Cookie de sesión
Aceptar
Rexeitar
Gardar